Hai chamadas e silencios / en harmonía de contrarios / hai mansións desocupadas / non hai futuro pasado /

14.12.05

Visitas

data real: 2 de febreiro de 2005

Estas últimas semanas houbo altibaixos no comportamento das feras, e ás veces os de 14 portáronse peor cós de 12 e, ás veces, os dous grupos deron a lata. De momento aínda estou aprendendo os nomes dos nenos e a súa correcta pronunciación, repasando con eles vocabulario básico de roupa, partes do corpo e tamén axeitándome á forma de dar clase neste país... Por non falar, claro, destas prácticas de español mesturado con
"scouse" aceleradas ás que estou sometido diariamente. Dende o venres pasado, xa son un máis no partido semanal de futbol-sala (five-aside) que xogan en Childwall profesores e alumnos, no que hai moi bo rollo entre todos, pouco xeito para tal deporte e unhas normas un tanto particulares. En realidade é coma xogar ó fútbol (na súa acepción inglesa máis pura) nun campo máis reducido, sen que exista fóra de banda ou de fondo (xogamos coas paredes, literalmente) e sen poder entrar na área para nada ("NOT IN THE AREA, ROBERTO!!!"). En fin, unhas maniotas terribles o sábado pasado e un par de goles este venres son o balance ata agora.
Esta fin de semana tivemos a primeira visita: Elena (ex-profe da facultade) e o seu mozo Alberto, que aterraron no
John Lennon Airport o venres pola tarde para marchar o domingo a mediodía, así que fixemos un recorrido pola cidade e arredores ó máis puro estilo Gomaespuma: á esquerda “The Cavern”, á dereita Strawberry Field, ó fondo a catedral metropolitana... en definitiva, "La Manga del Mar Menor en diapositivas" - absterse profanos na materia gomaespumosa. Pasámolo moi ben e tivemos unha fin de semana moi atarefada, cun tempo incrible o sábado e cun feixe de fotos, risas e chistes de filólogos. O sábado uníronsenos Mónica e Francesco e unha vez máis, fomos xantar ó "Yums": buffet libre de comida oriental. Ai, que larpeirada e que chea!. Mañá volvo a Childwall a comezar a cuarta semana alí, así que estou xuntando forzas. Polo demais, teño practicamente rematadas dúas cancións novas (unha sobre as musas e as primeiras sensacións en Liverpool e outra, unha crónica dedicada deste Nadal no Carballiño) e hai unha terceira moi avanzada, todo isto sen ter en conta un tema de aire beatle con música dun amigo de Lorenzo no que xa estiveramos traballando coa banda. O disco cos nosos últimos temas xa está rematado e espero que poidamos telo listo para a Semana Santa, a ver se así, nas procesións cambian un pouco o estilo de música. "Oh, la saeta, el cantar/ al cristo de los gitanos/ siempre con sangre en las manos/ siempre por desenclavar/ oh no eres tú mi cantar/ no puedo cantar ni quiero/ a ese Jesús del madero/ sino al que anduvo en la mar" (Antonio Machado)