Hai chamadas e silencios / en harmonía de contrarios / hai mansións desocupadas / non hai futuro pasado /

15.12.05

París agarda

data real: domingo 6 de febreiro de 2005

Unha semana máis e, pouco a pouco, vou colléndolle o xeito a isto de dar aulas neste país. Por sorte, teño a axuda dalgunha xente do departamento e tamén dos estudiantes que están de prácticas, e iso sempre se agradece. Xa comezo a ter algunhas responsabilidades máis, coma unha hora de substitución na que me pode tocar dar incluso matemáticas... e este venres tamén lles dei unha clase ós maiores (17-18 anos) eu só, xa que Damian tiña unha reunión e pediume que llela dera eu. Tendo en conta que estamos traballando para os exames orais con preguntas sobre Lorca e Bodas de sangre, aproveitei para pasarlles máis información sobre el, a súa vida, obra e "milagros". A fin de semana, moi tranquila; un par de películas na casa, (recomendo abertamente O extraño amor de Martha Ivers de Lewis Milestone e por suposto a revisión de Barrio, de Fernando León de Aranoa) unha cea con Mónica, Luke e Mercé (amiga andorrana de Miss Otero) en "Kimos" (restaurante de comida mediterránea onde a calidade e o picante compiten cos prezos) e o conseguinte paseo por Mathew Street e arredores para observar a fauna local (que, como sabedes, non ten desperdicio e temos evidencias fotográficas) e tomar un par de pintas, esta vez no "Revolutions".

Agarda unha semana moi tranquila, porque o venres xa non hai clase e a seguinte é half-term (semana de vacacións na metade de cada trimestre) e porque de momento non podo comezar a traballar para as axencias de emprego mentres non me cheguen uns papeis da policía de aquí. Id est, luns e martes aínda libres, para seguir lendo Los pilares de la tierra e ir pulindo e retocando esas cancións que se van cocendo a lume lento nestes días de inverno saxón. París espera a fin de semana que ven, con amigos e rúas para recorrer. Non entraremos coa "Brigada Guadalajara" para liberar a cidade, pero a intención é desembarcar a tempo o sábado á noite para chegar a un concerto de "ska" no local da CNT. ¿Non está mal, non?