Hai chamadas e silencios / en harmonía de contrarios / hai mansións desocupadas / non hai futuro pasado /

15.12.05

E París foi unha festa.

data real: 25 de febreiro de 2005

O último venres antes do half-term houbo xuntanza de profesores no colexio, con seminarios prácticos, revisión da situación económica e outros asuntos relacionados coa escola e os alumnos que se tratan e se discuten entre os docentes e o resto de persoal. Moi interesante e moi distinto dun instituto alá. Logo, directamente dende o John Lennon, marchamos para o Charles de Gaulle, iso si, con tres horas de retraso por unha folga en París. Isto supuxo que nos perderamos o acto “cultural” da primeira noite e, polo tanto, quedamos sen concerto de “ska”.
Canal de San Martin, onde Ameliè gosta de tirar pedras e facelas rebotar, onde a estrada se rompe de repente para deixar pasar unha barcaza desas que logo soben (literalmente) corrente arriba. Pois xusto alí, á beira das tendas de cores, onde a porteira portuguesa cotillea con Xabier de Allariz sobre o francés Petitbon (máis coñecido por “Petit con”) vive Olga. A verdade é que máis ca unha viaxe a París, parecía unha reunión de ex-habitantes da Casa da Collona (San Pedro 82, 1º esq. Promoción 2000-2004) e incluso o inquilino máis exótico (o húngaro Levente) pasou por alí unha noite.
Coñecemos de primeira man o ano novo chinés de París, de paso que baixabamos cara o centro ó día seguinte despois do “brunch”, o Quartier Latín, Notre Dame, o Marais, a pza. Igor Stravinsky, o Centro Pompidou (onde a xente –nós incluídos- fai colas de ata unha hora para entrar á biblioteca e podes atopar á verdadeira Raíña de África entre eles) ¡Ai, Europa!. E sen embargo, non sabería destacar ningún dos lugares que visitamos, porque o máis fermoso de París é a cidade en si mesma, o urbanismo en xeral, os edificios e pazos antigos, os centos de panaderías (¡Se aprenderan os británicos a amasar!) as pequenas tendas, os parques, as prazas... todo ten un encanto especial. Esa noite tocou “raglette” en casa de Olga, pero máis ca francesa, tiña un toque galego por todos lados, pola cantidade, pola carne de porco en abundancia e pola retranca das conversacións. ¡Pobre Xosé, que logo di que non entende o noso humor!, non me estraña. Ó día seguinte tocou a Tour Eiffel e arredores, o arco de “nonseiqué”, que está (aínda que a bastante distancia) xusto en fronte do de trunfo (¡En bastos, quen perda pagha o ghasto!) na parte máis moderna e financeira da cidade, os Campos Elíseos, a pza. da Concordia, o Louvre e arredores (só por fóra) e cus-cus a varrer en “Casa Manolo, el parisino moro”. ¡Outra chea!. Paramos a tomar unha noutro moro, esta vez tipo pub fumarento, onde o xefe (parece que se estila moito por eses lares) esta ó fondo do local, sentado nunha cadeira e controlando que todo vaia ben. ¡Había incluso un tipo lendo un libro...! Fixemos a dixestión subindo á cima do parque onde Ameliè torea ó tipo aquel e o manda á cima a descubrir polo catalexo de pago que ela está abaixo xunto ó tío-vivo, id est, a igrexa do Sacre Cour (desculpas polo meu francés). Dende alí hai unha vista da cidade que mete medo do bonita que é. Logo, de camiño á casa, atravesamos por un deses barrios bohemios onde todo eran garitos French-style con música jazz e prazas onde disque os pintores bohemios se sentan a pintar e expoñer as súas obras con bufanda e pipa mentres un bardo tan tolo como o da aldea de Asterix recita poemas de Les fleurs du mal (isto imaxineino eu, que cando nós pasamos era noite...). Parada obrigada con foto de familia no Moulin Rouge e logo ata a casa polo barrio con maior densidade de sex shops e cabinas eróticas por metro cadrado, o Pigalle. Ah, Paris, la nuit... (8 de marzo-continuación) Novo “brunch” pola mañá, xa que a charla nocturna e a posta a punto do maquinillo de Olgha mantívonos espertos (sobre todo a min) ata altas horas. Como Antón marchaba ese día pola tarde, tocou baixar ó Marais de novo para facer algunhas compras nesas tendas supergays e despois da despedida, démoslle a tarde libre a Olgha e marchamos María, Mónica e máis eu a visitar as famosas illas do Sena, (Sant Louis e Cite) que xa pouco teñen de illas. Tomamos o café máis caro do mundo nunha desas prazas que hai polas illas e rematamos a expedición no mercado das flores. Por certo, ¡que frío! Nunca o pasei tan mal na miña vida pola temperatura, uffffffffffff! Ó chegar á casa, xa Olgha nos tiña lista unha sopiña coa auga do caldo que Xabier de Allariz preparara había uns días con productos da terra. ¡Ai, sentinme revivir!. Saímos a tomar un té nun dos bares do barrio (tamén moro) e ó día seguinte erguémonos minimamente cedo, baixamos ata unha zona que é o paraíso do enfermo da informática: centos de tendas con toda clase de “aparellos” para computadores, reproductores mp3, discos duros, brandos e todo ese tipo de cousas. E é que eu precisaba unha tarxeta de memoria para a miña cámara dixital, así que aproveitei porque os prezos son de risa. Visitamos logo os xardíns de Luxemburgo e arredores e xantamos nun garito típico parisino. ¡Mmmmmmmmmmm que rico todo! Xa nos quedaba pouco tempo, pero aínda así, visitamos o Barbés (barrio árabe con moitas tendas...) e tamén o parque de Amelie, nesta ocasión, xunto ó tío-vivo.
E alí deixamos a Olgha, no seu fogar. Entre os neóns do boulevard Magenta, saíu o noso autobús cara a terminal pobre do Charles de Gaulle e ela perdeuse entre as rúas estreitas que saen ó canal.

2 Comments:

Blogger Plattdorf said...

Non, data real 25 de febreiro, non. Foi xusto a semana anterior. :-)

janeiro 04, 2006 5:53 da tarde

 
Blogger The Sobrado said...

claro home, pero é a data real de cando rematei de escribir o texto. :-)

janeiro 14, 2006 4:24 da tarde

 

Enviar um comentário

<< Home