Hai chamadas e silencios / en harmonía de contrarios / hai mansións desocupadas / non hai futuro pasado /

20.6.06

Na casa

Bicos, apertas, aloumiños e algunha bágoa en Queen’s Club Gardens. Odisea nocturna ata o aeroporto dos pobres. Fago un amigote, (iraquí que estuda e fala grego...) comunicación difícil, máis aliviada polo esperanto desta era. Durmo pouco e mal entre moreas de pasaxeiros que lle dan ó aeroporto un aire de campo de refuxiados ata as catro da mañá, momento en que comeza o movemento. Ó abrí-los ollos o panorama desolador mudou nun fervedoiro de carriños e maletas, guitarras e ata táboas de surf que falan canto idioma hai no planeta. Busco coma un zombie unha cafetería aberta e decídome por unha supostamente italiana, pero xa oín falar ós encargados. Fago rigorosa cola británica e escoito o curioso acento dos que atenden... “-Eu quería un ‘Capuccino tazza grande´, por favor” A rapaza sorrí e ponse ó choio, o xefiño fai caras e di a cantidade a pagar. “graciñas”.
Recébeme Compostela anubada e verde Lavacolla. Sister actress agarda dilixente e aloumiñosa e baixamos raudos ata San Pedro de Chueca no meu Pauliño. Autoestrada e xantar cos pais. Xoga a Selección española, vexo un cacho e marcho durmir a sesta coa estraña sensación de estar durmindo xa.
Os primeiros días pasan entre familia, recados, limpezas e instalacións varias. Tópome no súper e na rúa coas nais de amigos da infancia, falamos... todos ben, algún xa é pai hai tempo, eu moi cambiado, “non te coñecía”. É un pobo distinto pero igual.
Visítanme brevemente Kaiser e Pi. Atopo a Comic-man e facemos plans para ir ver a Siniestro a Suavesland nun par de días.
Collo a bici pola tarde: parque municipal, piscifactoría, Muíño das Lousas, Isis Pharia, Toscaña de arriba, camiño a Longoseiros. Aparto en Vilar, rillo unhas cenouras recén arrincadas da horta da miña nai, baixo pola Eirexa, Veiga (city centre), campo da festa, pavillón de deportes (grafittis e pista de skate), piscinas públicas, Ponteveiga, “o barrio”, Campo da Feira, Balneario...
Estou agardando vez no médico da SS. Nuns minutos marcho a Compostela.