Hai chamadas e silencios / en harmonía de contrarios / hai mansións desocupadas / non hai futuro pasado /

20.6.06

Terceira parada, Toulouse

Co comezo do mes de xuño, despedímonos do Quai de Valmy e do seu apartamento máis pintoresco, lamentablemente, para sempre. Pasamos polas tendas de cores unha outra vez e aínda temos tempo para unha última instantánea con Fuegho na boca do metro.
Recordaba a Gáre d'Austerlitz máis caótica, máis bulideira, escura e misteriosa e por suposto, máis grande, pero é que a última vez foi no 89 e dende aquela, debeu encoller. Dende a entrada na estación e durante todo o traxecto a Toulouse, Sabina tararéame ó ouvido.
Tolosa non é rosa, é máis ben alaranxada. Cidade de acollida dos republicanos exiliados, os apelidos dos seus habitantes delatan a súa orixe e ofreceuse camiñable e acolledora coma Compostela, para nos liberar do estress da grande cidade.
Kusturika habilitounos o seu refuxio e fixemos boas migas co Sil, inda que non cos seus pelos: Catedral, casco histórico, ruíñas medievais e pausa do turismo gastronómico (sen renunciar a algunha que outra crepe).
Aproveitamos para ir ver a última do Almodóvar no país onde é venerado. Gustoume ben, oh! Inda que é máis do mesmo, o Pedro ten esa delicadeza kitch para captar a beleza e a esencia das cousas pequenas, e por iso, as máis importantes.
Promoción do proxecto musical con entrevista en Radio Occitania e visita rapidiña a Albi: Catedral, casco histórico, ruíñas medievais e pausa do turismo gastronómico (sen renunciar a algunha que outra crepe).
The Queen marcha antes por motivos laborais así que adico os últimos días a preparar o concerto para a homenaxe a Ramón Chao que organiza Casa de Galicia de Toulouse e de paso bótolle unha man a Kusturika e compañía cos preparativos do acto. Sorpréndeme o Ramón. Con ese aspecto e eses modos de paisano, desármate cunha cultura literaria abrumadora, que adereza con chistes malos, para compensar… digo eu. Tanto a el como a Felisa, cáelles a baba falando do Manu. Breve pero intensa, poño a nota musical do acto e gaño os parabéns dos presentes (na súa maioría emigrantes, cun rango de idade que me descoloca) máis unha pequena amonestación lírica por parte do interfecto. Consigo ademais un fan catalán e un pasaporte para tocar en Girona nun certame de poesía que el organiza este próximo inverno. Despois dos pinchos de rigor, unha entrañable parella de Cuenca invítame a un acto de homenaxe ós republicanos para o sábado seguinte ó que asistirá Paco Frutos, pero o meu plan de viaxe faino inviable. Quedo coa alegría que transmiten, coas súas gañas de compartir e coa súa apertura de miras, xa que falan marabillas da Casa de Galicia e dos seus actos, ós que asisten con regularidade e onde salvan con tolerancia e multiculturalismo a pequena barreira idiomática. Olé, carallo!