Hai chamadas e silencios / en harmonía de contrarios / hai mansións desocupadas / non hai futuro pasado /

15.12.05

London

data real: Abril de 2005, London city.

Tarde do venres 29 de abril en pleno Notting Hill. (si, si, o da película mala esa). A verdade e que foi un pouco “shocking” chegar ó centro de London e coller a chave que nos deixara César Varela debaixo da alfombra da súa casa en St. Mark’s Road. A quen se lle conte… pero supoño que haberá moita seguridade na zona e por iso se poden facer esas cousas. Á noite cando chegamos, fomos dar un paseo polo barrio, que é moi tranquilo incluso a esas horas. Logo collemos algo para cear no sitio de Kebabs que hai o lado da estación de metro e marchamos para a casa. Pola mañá fomos, evidentemente, ó mercado de Portobello, no que María xa estivera pero que eu non coñecía. E incrible a cantidade de españois “pijos” que deambulan polos postos, que da gaña de non falar español nunca máis. Non mercamos gran cousa, (tampouco era ese o obxectivo) só unhas camisetas cun debuxo moi orixinal e moi “modernito”. Logo baixamos ata Hyde Park e estivemos paseando e sacando fotos pola zona, mentres uns vietnamitas con un aire algo “facha” se manifestaban en contra do goberno comunista. Lin o panfleto que repartían e recoñezo que algunhas das cousas probablemente sexan certas (e mellor o saberán eles) pero había un tufo de se querer vender ós ianquis camuflado baixo a bandeira da democracia e a liberdade… (foi a impresión que me dou). Pola tarde quedaramos cos nosos colegas “londinenses”, xa que Álvaro estaba en plena mudanza e de paso botámoslle unha man porque só se mudaba para un barrio a tres “cuadras” (argentinian style) do piso vello. Comemos nun garito moi xeitoso que hai xunto a parada de metro de Baron’s Court e logo estivemos carrexando un par de cousas. O apartamento vello estaba ben, claro que era minúsculo e custaba unha pasta, pero o novo é xenial. Iso si, “super-posh”, con parque privado para os viciños e pistas de tenis. Ademais, é moito mais grande, xa que agora vaino compartir cun compañeiro de traballo italiano, Giuseppe. Tamén se deixaron caer na tarde primaveral londinense o pintor e a musa (Matteo e Meritxell), xa un pouco mais preñados e con esa paz e alegría contaxiosas que transmite Boato. Logo dunhas pintas no pub local, despedímonos e marchamos a Convent Garden a dar un paseo nocturno, mentres escoitabamos ó alter-ego de Mark Knopffler ou atendiamos a números malabares baixo algunha que outra pingueira. Bus nocturno, Oxford Street, Trafalgar Square, Picadilly… e finalmente cea no Yelo, Portobello again. Como o domingo se fixo para descansar, erguémonos tarde, María un pouco antes, xa que quería mirar algunhas cousas mais no mercado, e marchamos, por recomendación do artista, a visitar a TATE Modern. Un museo de arte moderno bastante recente que está xunto a ponte do Milenio, xusto ó outro lado do Támesis dende ST. Paúl’s Cathedral. Alí vin o meu primeiro Picasso orixinal e por suposto un feixe máis de cousas interesantes. Xantamos na cafetería do museo uns pratos moi modernos (e polo tanto algo escasos) pero iso si, deliciosos. Cruzamos a ponte e sacamos fotos, claro. Visitamos St. Paul’s Cathedral co novo papa na mente, por suposto, e dende alí,volta a casa, que o tren a Liverpool saia as 8:20. Aínda nos demos un paseo pola zona do mercado e topei na tenda dun ruso que falaba cun acento de película americana mala, unha chaqueta do exército roxo “moderna de la mueeeeeerte” con botóns dourados de fouces e martelos. Ai, que cruz! Non había a miña talla. Tamén vimos edicións moi antigas de libros dos Cinco de Enid Blyton e curiosidades editoriais polo estilo. Algunha que outra chaqueta setenteira, pero a desilusión da chaqueta soviética matoume o afán consumista. O tren a Liverpool saíu en punto pero tivemos que cambiar para un bus en Crew, así que nos levou unha hora máis. Cousas do transporte británico.