Hai chamadas e silencios / en harmonía de contrarios / hai mansións desocupadas / non hai futuro pasado /

23.1.06

E pasou o vran

Data real: setembro-nadal de 2005

E pasou o vran. E foi longo. E volteina pasear, e topei as xentes onde as deixara, e algúns máis aló e outros máis acó. E cambiaron as cousas, claro, calquera tempo pasado foi anterior. E vina outra vez e outra máis, e mireime nos seus ollos e non atopei o que crin que buscaba. E ameite e extrañeite e chameite e agobieime e afasteime e voltei e acelerei e fixen quilómetros, e comprobei que as autopistas non teñen corazón. E voei á cidade exdividida e descansei na súa conversa, no seu repouso, no seu refuxio, no seu almorzo de mango e menta. E bailamos rock e ska e bebín cervexa e devolvéronme cartos co envase. E cantei Un e Contigo ou sen ti e toquei nunha festa, e vin cachos de historia con buratos de bala, e falamos no aeroporto, e recoñecémonos e quedamos para o vintecinco. E retornei con elas ás tardes de piscina, naipes e millos salgados. E cheiraba a fume. E bebín cervexa e bailei e rin e fumei e voltei á casa a ambiguas horas. E cheiraba eu, a fume. E gañamos ó baloncesto e suamos coma porcos. E visiteina na mansión e parolamos no xardín e toquei unhas cancións, e fun regalar un concerto. E estiven cos amigos, e descoidei algún. E conversei coa miña nai e voltei conversar, e non souben falar co meu pai. E fuxín á praia para verte a ti e para ver o mar, e abrazámonos e rimos e rifamos e choramos e fomos ó teatro. E xa era vintecatro. E estiven con eles e había concertos e topei coñecidos e estiven coa familia e berramos consignas e cantamos o himno, e había máis concertos, e bailamos ska. E sentinme ben. E despedímonos ata pronto e visitei outra xente, e voltei ó piso onde vivín, e no seguinte andar agardábame el cos brazos abertos e o xantar a deshora con café de sofá e guitarra e un cuarto para min. E comezamos os ensaios e demos un concerto, e saiu ben, e seguimos cos ensaios e demos máis concertos, e saíron moi ben. E ti e eu, sós na praia, amámonos e paseamos e nadamos espidos e puxemos o cú ó sol. E despedinme dos Diplomáticos no Lérez. Partiu. E saudei a Lamatumbá, e seguín bailando ska, e cheiraba moito a fume. E deitou setembro o manto da rutina e marchaches antes ca min, e chameite todos os días, e contámonos. E apurei o San Cibrao coma un escolar co curso ás portas, e rifei coa miña nai. E xa non voltei rifar. E demos un último concerto alternativo, que nunca será último pero si alternativo, e estabamos case todos, e saiu ben, e convidei os músicos-amigos e os amigos-músicos a que a música non calara na distancia. E despedinme dos meus, e un marcho mañá, un pero voltarei logo, e bicámonos e abrazámonos e choramos un pouquiño. E enchésteme a caixa de correo de adeuses e de bicos, e mentres paseaban a santa en procesión na Saleta, os paxaros de metal subíanme e levábanme cara outro noroeste, á beira do Mersey, á poza da vida (e da música), e había amigos agardando no John Lennon e ti, no móbil estranxeiro. E sentinme coma na casa. E xa non cheiraba a fume.

1 Comments:

Anonymous Anónimo said...

Corren tempos difíciles,
mais ter q estuda-la repercusión
q teñen na teoría social,
non é cousa de moito gusto.
Acompañada por Marx,
polas élites de Pareto,
polos tipos ideais de Weber,
polo organicismo de Spencer e mesmo,
polo Superhome de Nietchze é interesante, pero todo ten un límite.
e eu cheguei ó meu.
Eu tamén cheiro ó fume e non ,precisamente,
dos cigarros q me fumo
(xa xa, pero o vicio
é maior cá vontade de deixalo)
senón a fume de canizo, de chourizo ceboleiro
tenro por dentro pero
de dura codia por fóra...
xa teño ganas de muda-la pel.
Reza un letreiro das tv do bus urbano:
en Pacoland te ríes,
te diviertes, te emocionas,
te relajas...
Eu engadiría q tamén t raias.
Oxe é un día raiado.
De raiada a cantautor, unha aperta

janeiro 27, 2006 12:59 da manhã

 

Enviar um comentário

<< Home