Hai chamadas e silencios / en harmonía de contrarios / hai mansións desocupadas / non hai futuro pasado /

25.1.06

Outra semana máis

Data real: 23-11-2005

Outra semana máis, pero non unha calquera. Trinta anos sen o pequeno ditador. Trinta anos para min pasado mañá. O primeiro luns de traballo dende hai xa un bo tempo e por riba, nunha escola diferente, en Kirkby. Nada novo, por suposto. Nenos igual de maleducados ca en Childwall e ambiente de profesorado un pouco mellor. Teño tamén un posible compañeiro de piso. É colombiano e ten pinta de ser un pouco posh. Non sei, xa veremos.
A fin de semana pasada estiven con Leader en St. Helens, un pobo a vinte minutos de Liverpool no que se celebraba o acendido do alumeado de Nadal cun evento músico-teatral-radiofónico. Os presentadores eran tan petardos coma os dos “cuarenta criminales” pero cando menos, a música estivo ben. Texas era a atracción central, inda que só tocaron catro temiñas en acústico e listo. Logo uns “chavalitos” que imitaban a Green Day pero en acústico e en pijo, cunhas letriñas que vaia por deus. Logo veu o mellor da noite, quero dicir, da tarde, xa que o acto comezou ás 15.45 (total, xa case era noite) e rematou ás sete. Cun intervalo duns vinte minutos para colocar instrumentos, enchufar todo e probar o son, comezaron a tocar The Junction. Fixeron só versións pero gustáronme moito. Un medley dos Rolling para comezar e logo tres ou catro temas máis de grupos destes modernos do pop británico dos que non vos sabería dicir o nome, mais sóanme as cancións. Todo moi pop-rock. Interesante, inda que estea morto (polo visto). Saltámonos a “pantomime” (peza de teatro parecida ó sainete do teatro clásico español) porque morriamos de frío naquela praza e fomos tomar un café quentiño. Alí contoume Leader da súa busca de piso en Bilbo, xa que se mudan alí en breve. Lástima, xa non hai a quen visitar en Manchester, (pero si en Euskadi). Voltamos á praza e alí estaban, todos vivos e tocando, os (Bootleg) Beatles. Non só ían vestidos coma eles, con perrucas imitando o estilo da primeira época, senón que imitaban as voces, facían os mesmos chistes e tocaban (atreveríame a dicir) mellor ca eles (en directo, seguro). Toda unha experiencia. Era coma estar na Caverna a finais dos cincuenta pero con moito máis frío, claro. O propio Harrison recoñeceu que nunca tocaran con tanto frío, e iso que levaban uns cantos concertos ás costas dende os anos cincuenta. He, he. Tamén nos avisou de que non utilizaramos cámaras dixitais nin teléfonos móbiles, xa que inda non foran inventados a esas alturas. He, he, he. En serio, quitando que facían o pallaso demais para o meu gusto, estiveron xeniais, sobre todo cando se retiraron e deixaron a McCartney cantando Yesterday para voltar ataviados ó estilo setenteiro e tocar cancións da segunda época. Como desfrutei cantando con eles, e é que me sabía a letra de todas (ou cando menos o refrán). O máis curioso foi ver que a primeira fila estaba chea de señores e señoras de entre cincuenta e sesenta que tamén tarareaban os temas. Foi case coma naquel concerto no Touchwood en Waterloo, cando un señor duns 55 bastante cheo lle pedía a berros ó rapaz que tocaba que lle botara unha de Pearl Jam que era a súa banda favorita.
Despedinme de Leader na estación de trens de St. Helens cunha xiada que metía medo e iso que eran as sete da tarde e quedamos de nos ver ou ben no país galego ou ben no vasco. Xa se verá. O resto da fin de semana paseino en casa de Dorna e Mr.John, tocando, parolando e navegando por internete mentres lle puña o ordenador ó día a Misota. Tamén estiven preparando material para as clases e o programa das miñas leccións de español ata febreiro, cousa que me agradeceu o segundo do departamento, xa que esta semana hai inspección no colexio e teñen que ter todo a punto.
A única mala nova é que non haberá concerto no Everyman ata despois do Nadal. Inda que o manager me dixera en principio que repetiriamos este xoves, a xefa, onte, aseguroume que tiñan todo cuberto ata decembro. En fin, a buscar outro local mentres.
Onte fun ó meu primeiro evento da semana da música en Liverpool. En The Tea Factory, ó ladiño do FACT (o centro cultural máis cool de Liverpool –léase con acento agudo e pronunciando a dobre o coma unha u, como debe ser...-), con tres escenarios e oito bandas distintas para toda a noite. Lástima que só puiden ver o primeiro grupo porque o da puntualidade británica vese que é unha falacia e eu xa quedara para lle ensinar o piso ó colombiano. Hoxe volvo e penso quedarme a ver todo o que poida tendo en conta que mañá hai que madrugar.
A renovación da páxina web vai avanzando lentamente e xa lle podedes botar un ollo a algunha sección, inda que recomendo agardar para vela máis completa. Traballamos na distancia en sete temas novos que quero gravar entre o Nadal e a Coresma e sigo mellorando a miña pronunciación con acento Scouse (id est. de Liverpool) “orai meit?”.
Pasado mañá estou de aniversario (por se me queredes felicitar ou algo. Tamén acepto agasallos -¿sen promesas?-) e baixarei a London a celebralo con Contas Pendentes.

Pd. “mil años tardó en morirse,
pero por fin la palmó.
Los muertos del cementerio
están de fiesta mayor...”

ou en inéditos versos de Roberto Sobrado:

Agardei a que pasara o pequeno dictador.
Na fría fin de novembro houbo festa por dúas razóns.
Trinta anos para mirar atrás
Para facer balance e continuar.
Cento trinta quedan por vivir,
Déixame que minta para ti.

Anexo 1: Event timetable

3.45pm Stage opens/Lee Broderick (soloist)
4.10pm Texas
4.35pm The Pure T’s
4.55pm The Junction
5.10pm Aladdin (Theatre Royal)
5.30pm Driverside
5.45pm Official Lights Switch On (festive music, snow, pyro)
5.50pm Bootleg Beatles perform1 hr 15 min set
7.00-7.15pm Event Close