Hai chamadas e silencios / en harmonía de contrarios / hai mansións desocupadas / non hai futuro pasado /

14.5.06

A música vainos salvar

Nestes días incertos e conforme caen os vintes de abril, atópome cada vez con máis universos paralelos dos que podería formar parte. Nesas outras vidas alternativas recoñezo partes de min que están ou que estiveron algún día, párome, observo e comparo. A música serve como vínculo de unión de todos eles e non deixa de rescatarme cada día que pasa. Séntome a compoñer unha canción, a gravar unha idea, un ritmo e tres acordes e cando reviso, sei que estou facendo o correcto, inda que sexa predicar para os convencidos, crear para os creadores ou traballar para o inimigo.
Os que me acompañan na batalla, saben ben deste meu acougo-desacougo e que sen eles, non tería ningún sentido. Convídoos a seguir aí, porque sei que nos imos facer falla.
Saúde, compañeir@s.

2.5.06

once again

Os aeroportos mudan en lugares comúns e preocupan máis a hora local e o derradeiro bus urbano; voltan présas e ensaios para concertos, quilómetros e autoestradas, un fogar en cada vila, uns compañeiros de viaxe para outras vacacións aceleradas, presaxio do estío que se adiviña na calor destemplada desta primavera cada vez menos estraña. Autos convertidos en recunchos privados para nós que gastamos os días no desacougo de viaxar cara a algún sitio. Mundos cada vez máis pequenos onde toparnos e contarnos, recoñecernos e amarnos para comezar outra vez a conta atrás dos bicos, as melodías e as tardes de salitre e fume.