Hai chamadas e silencios / en harmonía de contrarios / hai mansións desocupadas / non hai futuro pasado /

20.6.06

No terruño

Promoción e apertas con Dorian Gray, amigos, coñecidos, plans de ensaios, guitarras ó luthier, Orzowei na casa, por fin. Marful e Uxía, espectaculares, máis coñecidos na porta do Auditorio (estamos os que somos, somos os que estamos). De tapas clásicas e novidosas con Cohen, Malas Pécoras, Tarasca (Uxía e os artistas) e final no Maycar. Asilo en casa-Cohen, xantar zona vella, café, tertulia, estrada outra vez. Ninguén se apunta ó de Siniestro. En Suavesland con Amazona e Natifu (festas do Corpus), fermoso e inesperado recital de Caneiro na praza maior, tristes-tristes os Killer Barbies (se polo menos a rifaran...) e decadente ST: “¡Ayatolah, no me toques la pirola!”.

Na casa

Bicos, apertas, aloumiños e algunha bágoa en Queen’s Club Gardens. Odisea nocturna ata o aeroporto dos pobres. Fago un amigote, (iraquí que estuda e fala grego...) comunicación difícil, máis aliviada polo esperanto desta era. Durmo pouco e mal entre moreas de pasaxeiros que lle dan ó aeroporto un aire de campo de refuxiados ata as catro da mañá, momento en que comeza o movemento. Ó abrí-los ollos o panorama desolador mudou nun fervedoiro de carriños e maletas, guitarras e ata táboas de surf que falan canto idioma hai no planeta. Busco coma un zombie unha cafetería aberta e decídome por unha supostamente italiana, pero xa oín falar ós encargados. Fago rigorosa cola británica e escoito o curioso acento dos que atenden... “-Eu quería un ‘Capuccino tazza grande´, por favor” A rapaza sorrí e ponse ó choio, o xefiño fai caras e di a cantidade a pagar. “graciñas”.
Recébeme Compostela anubada e verde Lavacolla. Sister actress agarda dilixente e aloumiñosa e baixamos raudos ata San Pedro de Chueca no meu Pauliño. Autoestrada e xantar cos pais. Xoga a Selección española, vexo un cacho e marcho durmir a sesta coa estraña sensación de estar durmindo xa.
Os primeiros días pasan entre familia, recados, limpezas e instalacións varias. Tópome no súper e na rúa coas nais de amigos da infancia, falamos... todos ben, algún xa é pai hai tempo, eu moi cambiado, “non te coñecía”. É un pobo distinto pero igual.
Visítanme brevemente Kaiser e Pi. Atopo a Comic-man e facemos plans para ir ver a Siniestro a Suavesland nun par de días.
Collo a bici pola tarde: parque municipal, piscifactoría, Muíño das Lousas, Isis Pharia, Toscaña de arriba, camiño a Longoseiros. Aparto en Vilar, rillo unhas cenouras recén arrincadas da horta da miña nai, baixo pola Eirexa, Veiga (city centre), campo da festa, pavillón de deportes (grafittis e pista de skate), piscinas públicas, Ponteveiga, “o barrio”, Campo da Feira, Balneario...
Estou agardando vez no médico da SS. Nuns minutos marcho a Compostela.

Cuarta parada, volta a London

...por redactar

Terceira parada, Toulouse

Co comezo do mes de xuño, despedímonos do Quai de Valmy e do seu apartamento máis pintoresco, lamentablemente, para sempre. Pasamos polas tendas de cores unha outra vez e aínda temos tempo para unha última instantánea con Fuegho na boca do metro.
Recordaba a Gáre d'Austerlitz máis caótica, máis bulideira, escura e misteriosa e por suposto, máis grande, pero é que a última vez foi no 89 e dende aquela, debeu encoller. Dende a entrada na estación e durante todo o traxecto a Toulouse, Sabina tararéame ó ouvido.
Tolosa non é rosa, é máis ben alaranxada. Cidade de acollida dos republicanos exiliados, os apelidos dos seus habitantes delatan a súa orixe e ofreceuse camiñable e acolledora coma Compostela, para nos liberar do estress da grande cidade.
Kusturika habilitounos o seu refuxio e fixemos boas migas co Sil, inda que non cos seus pelos: Catedral, casco histórico, ruíñas medievais e pausa do turismo gastronómico (sen renunciar a algunha que outra crepe).
Aproveitamos para ir ver a última do Almodóvar no país onde é venerado. Gustoume ben, oh! Inda que é máis do mesmo, o Pedro ten esa delicadeza kitch para captar a beleza e a esencia das cousas pequenas, e por iso, as máis importantes.
Promoción do proxecto musical con entrevista en Radio Occitania e visita rapidiña a Albi: Catedral, casco histórico, ruíñas medievais e pausa do turismo gastronómico (sen renunciar a algunha que outra crepe).
The Queen marcha antes por motivos laborais así que adico os últimos días a preparar o concerto para a homenaxe a Ramón Chao que organiza Casa de Galicia de Toulouse e de paso bótolle unha man a Kusturika e compañía cos preparativos do acto. Sorpréndeme o Ramón. Con ese aspecto e eses modos de paisano, desármate cunha cultura literaria abrumadora, que adereza con chistes malos, para compensar… digo eu. Tanto a el como a Felisa, cáelles a baba falando do Manu. Breve pero intensa, poño a nota musical do acto e gaño os parabéns dos presentes (na súa maioría emigrantes, cun rango de idade que me descoloca) máis unha pequena amonestación lírica por parte do interfecto. Consigo ademais un fan catalán e un pasaporte para tocar en Girona nun certame de poesía que el organiza este próximo inverno. Despois dos pinchos de rigor, unha entrañable parella de Cuenca invítame a un acto de homenaxe ós republicanos para o sábado seguinte ó que asistirá Paco Frutos, pero o meu plan de viaxe faino inviable. Quedo coa alegría que transmiten, coas súas gañas de compartir e coa súa apertura de miras, xa que falan marabillas da Casa de Galicia e dos seus actos, ós que asisten con regularidade e onde salvan con tolerancia e multiculturalismo a pequena barreira idiomática. Olé, carallo!

Segunda parada, París

Anticípase Plattdorf raudo coma nunca para relatar as peripecias parisinas, así que forro a miña crónica e remítome á súa...
Así e todo, no podo evitar facer os meus propios apuntes... (en proceso)

Primeira parada, London

Cea india, “packing” e camiño a Gatwick de madrugada para poder chegar de mañanciña ó encontro-refrega que organiza Fuegho na Paris III da Sorbone. Co corpo esnaquizado e as olleiras ata o chan, topámola nos corredores da facultade facendo unha entrevista para a RG. Entramos na aula de conferencias coas maletas, a guitarra e as olleiras antes mencionadas e dános a benvida o sorriso cómplice de Plattdorf. Sentamos solemnes e educados na última fila, aprazamos os bicos e as apertas e facemos un pequeno esforzo para sobrevivir sen cafeína a unha noite viaxeira en vela.

Crónica da viaxe

Despídome de Mr John e Dovela coa condición de nos ver no verán e celebrando a Copa de Europa do Barça, con acontecemento pintoresco no Pituxo, por certo.
Recollida e empaquetada a roupa de inverno e os coloutros todos que quedaron en Liverpool, collo o tren dende Lime Street Station camiño dunhas longas e sempre agardadas vacacións.

End of Season

Marchou a última tempada do curso en Liverpool con agradables novas (uns colegas aquelados, posibles proxectos musicais e algún colexio decente) pero a chamada telúrico-musical do verán galaico, aprázaas ata setembro. Ronaldinha e cía. fixeron antes da coresma, a única visita oficial do curso aínda que os novos voos Compostela-Liverpool, auguran unha próxima xeira pragada de turistas.
Abril e maio foron unha continua baixada a Londres nas fins de semana; o tío Matt e a Rubia renderon pleitesía e coñeceron de preto a nova residencia posh de Ouzanda en pleno Queen´s Club Gardens. Greenwich e o seu famoso meridiano e unha manifestación pro-Palestina en Trafalgar Square foron das novidades máis destacables.