Hai chamadas e silencios / en harmonía de contrarios / hai mansións desocupadas / non hai futuro pasado /

15.12.05

Galaica amazona (pseudosoneto)

data real: abril de 2005

Non foi encargo senón agasallo
e viaxou nas bolsas deste extraño abril.
Nace agora, condenado está por min,
sexa para ela o espacio roubado.

Galaica amazona,
roxo cabalo,
nai de case todos, palabras mil.
Con ise aire andino, onde vives ti?
Terras da Saínza,
Ribeiro alto.

Foxe do norte escuro con
Amelia
ó centro do seu mundo na Canella.
Veu cousas tristes mais canta comigo

non lle faltan melodías e amigos.
Que te coide ela se caeras enfermo.
Sanarás coa música dos seus beizos.

London

data real: Abril de 2005, London city.

Tarde do venres 29 de abril en pleno Notting Hill. (si, si, o da película mala esa). A verdade e que foi un pouco “shocking” chegar ó centro de London e coller a chave que nos deixara César Varela debaixo da alfombra da súa casa en St. Mark’s Road. A quen se lle conte… pero supoño que haberá moita seguridade na zona e por iso se poden facer esas cousas. Á noite cando chegamos, fomos dar un paseo polo barrio, que é moi tranquilo incluso a esas horas. Logo collemos algo para cear no sitio de Kebabs que hai o lado da estación de metro e marchamos para a casa. Pola mañá fomos, evidentemente, ó mercado de Portobello, no que María xa estivera pero que eu non coñecía. E incrible a cantidade de españois “pijos” que deambulan polos postos, que da gaña de non falar español nunca máis. Non mercamos gran cousa, (tampouco era ese o obxectivo) só unhas camisetas cun debuxo moi orixinal e moi “modernito”. Logo baixamos ata Hyde Park e estivemos paseando e sacando fotos pola zona, mentres uns vietnamitas con un aire algo “facha” se manifestaban en contra do goberno comunista. Lin o panfleto que repartían e recoñezo que algunhas das cousas probablemente sexan certas (e mellor o saberán eles) pero había un tufo de se querer vender ós ianquis camuflado baixo a bandeira da democracia e a liberdade… (foi a impresión que me dou). Pola tarde quedaramos cos nosos colegas “londinenses”, xa que Álvaro estaba en plena mudanza e de paso botámoslle unha man porque só se mudaba para un barrio a tres “cuadras” (argentinian style) do piso vello. Comemos nun garito moi xeitoso que hai xunto a parada de metro de Baron’s Court e logo estivemos carrexando un par de cousas. O apartamento vello estaba ben, claro que era minúsculo e custaba unha pasta, pero o novo é xenial. Iso si, “super-posh”, con parque privado para os viciños e pistas de tenis. Ademais, é moito mais grande, xa que agora vaino compartir cun compañeiro de traballo italiano, Giuseppe. Tamén se deixaron caer na tarde primaveral londinense o pintor e a musa (Matteo e Meritxell), xa un pouco mais preñados e con esa paz e alegría contaxiosas que transmite Boato. Logo dunhas pintas no pub local, despedímonos e marchamos a Convent Garden a dar un paseo nocturno, mentres escoitabamos ó alter-ego de Mark Knopffler ou atendiamos a números malabares baixo algunha que outra pingueira. Bus nocturno, Oxford Street, Trafalgar Square, Picadilly… e finalmente cea no Yelo, Portobello again. Como o domingo se fixo para descansar, erguémonos tarde, María un pouco antes, xa que quería mirar algunhas cousas mais no mercado, e marchamos, por recomendación do artista, a visitar a TATE Modern. Un museo de arte moderno bastante recente que está xunto a ponte do Milenio, xusto ó outro lado do Támesis dende ST. Paúl’s Cathedral. Alí vin o meu primeiro Picasso orixinal e por suposto un feixe máis de cousas interesantes. Xantamos na cafetería do museo uns pratos moi modernos (e polo tanto algo escasos) pero iso si, deliciosos. Cruzamos a ponte e sacamos fotos, claro. Visitamos St. Paul’s Cathedral co novo papa na mente, por suposto, e dende alí,volta a casa, que o tren a Liverpool saia as 8:20. Aínda nos demos un paseo pola zona do mercado e topei na tenda dun ruso que falaba cun acento de película americana mala, unha chaqueta do exército roxo “moderna de la mueeeeeerte” con botóns dourados de fouces e martelos. Ai, que cruz! Non había a miña talla. Tamén vimos edicións moi antigas de libros dos Cinco de Enid Blyton e curiosidades editoriais polo estilo. Algunha que outra chaqueta setenteira, pero a desilusión da chaqueta soviética matoume o afán consumista. O tren a Liverpool saíu en punto pero tivemos que cambiar para un bus en Crew, así que nos levou unha hora máis. Cousas do transporte británico.

After Easter

data real: 5 de marzo de 2005

Se Compostela nos despedía coa choiva que empapou as maletas, London sorría con irónica meteoroloxía, saudándonos cunha tarde de primavera, de prazas e paseos ó máis puro estilo mediterráneo. Trafalgar Square foi un remanso de paz logo de emerxer do metro aliviando aínda o nó na gorxa das despedidas. Fugaz encontro cos amigos “londinenses” nun dos cafés máis “posh” da zona, delicioso té e noticias de maternidade, parabéns, máis despedidas, e tren de Euston a Liverpool. A banda sonora destas vacacións fixo máis amenas as tres horas e cuarto de viaxe e a escura calexa que leva de Lime Street a London Road, tiña, por fin, as luces arranxadas. Polo demais, o barrio igual de suxo e lúgrube, de camiño a casa. Todo en orde, correo acumulado –con sorpresas agradables-, roupa para lavar e chamada a casa. Noite.
Desfrutando aínda da fin de semana de catro días, dediquei o luns a pór orde no apartamento, a seguir coa banda sonora (Habana blues, esa película!!) destes “días inciertos en que vivir es un arte”, e a mimar un pouco as guitarras que aquí quedaron e me recibiron ansiosas de seren afinadas. Cea, té con Mónica e película de espías pouco destacable.
Hoxe toca concerto en La Tasca, así que estou mirando repertorio, revisando o mail, e completando este informe antes de preparar algo para as clases de mañá (uffff!!!!).
Hoxe máis ca nunca fago miñas as verbas de Bono (U2), e sinto “vertigo” por “all that you can’t leave behind” (but I left).

E París foi unha festa.

data real: 25 de febreiro de 2005

O último venres antes do half-term houbo xuntanza de profesores no colexio, con seminarios prácticos, revisión da situación económica e outros asuntos relacionados coa escola e os alumnos que se tratan e se discuten entre os docentes e o resto de persoal. Moi interesante e moi distinto dun instituto alá. Logo, directamente dende o John Lennon, marchamos para o Charles de Gaulle, iso si, con tres horas de retraso por unha folga en París. Isto supuxo que nos perderamos o acto “cultural” da primeira noite e, polo tanto, quedamos sen concerto de “ska”.
Canal de San Martin, onde Ameliè gosta de tirar pedras e facelas rebotar, onde a estrada se rompe de repente para deixar pasar unha barcaza desas que logo soben (literalmente) corrente arriba. Pois xusto alí, á beira das tendas de cores, onde a porteira portuguesa cotillea con Xabier de Allariz sobre o francés Petitbon (máis coñecido por “Petit con”) vive Olga. A verdade é que máis ca unha viaxe a París, parecía unha reunión de ex-habitantes da Casa da Collona (San Pedro 82, 1º esq. Promoción 2000-2004) e incluso o inquilino máis exótico (o húngaro Levente) pasou por alí unha noite.
Coñecemos de primeira man o ano novo chinés de París, de paso que baixabamos cara o centro ó día seguinte despois do “brunch”, o Quartier Latín, Notre Dame, o Marais, a pza. Igor Stravinsky, o Centro Pompidou (onde a xente –nós incluídos- fai colas de ata unha hora para entrar á biblioteca e podes atopar á verdadeira Raíña de África entre eles) ¡Ai, Europa!. E sen embargo, non sabería destacar ningún dos lugares que visitamos, porque o máis fermoso de París é a cidade en si mesma, o urbanismo en xeral, os edificios e pazos antigos, os centos de panaderías (¡Se aprenderan os británicos a amasar!) as pequenas tendas, os parques, as prazas... todo ten un encanto especial. Esa noite tocou “raglette” en casa de Olga, pero máis ca francesa, tiña un toque galego por todos lados, pola cantidade, pola carne de porco en abundancia e pola retranca das conversacións. ¡Pobre Xosé, que logo di que non entende o noso humor!, non me estraña. Ó día seguinte tocou a Tour Eiffel e arredores, o arco de “nonseiqué”, que está (aínda que a bastante distancia) xusto en fronte do de trunfo (¡En bastos, quen perda pagha o ghasto!) na parte máis moderna e financeira da cidade, os Campos Elíseos, a pza. da Concordia, o Louvre e arredores (só por fóra) e cus-cus a varrer en “Casa Manolo, el parisino moro”. ¡Outra chea!. Paramos a tomar unha noutro moro, esta vez tipo pub fumarento, onde o xefe (parece que se estila moito por eses lares) esta ó fondo do local, sentado nunha cadeira e controlando que todo vaia ben. ¡Había incluso un tipo lendo un libro...! Fixemos a dixestión subindo á cima do parque onde Ameliè torea ó tipo aquel e o manda á cima a descubrir polo catalexo de pago que ela está abaixo xunto ó tío-vivo, id est, a igrexa do Sacre Cour (desculpas polo meu francés). Dende alí hai unha vista da cidade que mete medo do bonita que é. Logo, de camiño á casa, atravesamos por un deses barrios bohemios onde todo eran garitos French-style con música jazz e prazas onde disque os pintores bohemios se sentan a pintar e expoñer as súas obras con bufanda e pipa mentres un bardo tan tolo como o da aldea de Asterix recita poemas de Les fleurs du mal (isto imaxineino eu, que cando nós pasamos era noite...). Parada obrigada con foto de familia no Moulin Rouge e logo ata a casa polo barrio con maior densidade de sex shops e cabinas eróticas por metro cadrado, o Pigalle. Ah, Paris, la nuit... (8 de marzo-continuación) Novo “brunch” pola mañá, xa que a charla nocturna e a posta a punto do maquinillo de Olgha mantívonos espertos (sobre todo a min) ata altas horas. Como Antón marchaba ese día pola tarde, tocou baixar ó Marais de novo para facer algunhas compras nesas tendas supergays e despois da despedida, démoslle a tarde libre a Olgha e marchamos María, Mónica e máis eu a visitar as famosas illas do Sena, (Sant Louis e Cite) que xa pouco teñen de illas. Tomamos o café máis caro do mundo nunha desas prazas que hai polas illas e rematamos a expedición no mercado das flores. Por certo, ¡que frío! Nunca o pasei tan mal na miña vida pola temperatura, uffffffffffff! Ó chegar á casa, xa Olgha nos tiña lista unha sopiña coa auga do caldo que Xabier de Allariz preparara había uns días con productos da terra. ¡Ai, sentinme revivir!. Saímos a tomar un té nun dos bares do barrio (tamén moro) e ó día seguinte erguémonos minimamente cedo, baixamos ata unha zona que é o paraíso do enfermo da informática: centos de tendas con toda clase de “aparellos” para computadores, reproductores mp3, discos duros, brandos e todo ese tipo de cousas. E é que eu precisaba unha tarxeta de memoria para a miña cámara dixital, así que aproveitei porque os prezos son de risa. Visitamos logo os xardíns de Luxemburgo e arredores e xantamos nun garito típico parisino. ¡Mmmmmmmmmmm que rico todo! Xa nos quedaba pouco tempo, pero aínda así, visitamos o Barbés (barrio árabe con moitas tendas...) e tamén o parque de Amelie, nesta ocasión, xunto ó tío-vivo.
E alí deixamos a Olgha, no seu fogar. Entre os neóns do boulevard Magenta, saíu o noso autobús cara a terminal pobre do Charles de Gaulle e ela perdeuse entre as rúas estreitas que saen ó canal.

París agarda

data real: domingo 6 de febreiro de 2005

Unha semana máis e, pouco a pouco, vou colléndolle o xeito a isto de dar aulas neste país. Por sorte, teño a axuda dalgunha xente do departamento e tamén dos estudiantes que están de prácticas, e iso sempre se agradece. Xa comezo a ter algunhas responsabilidades máis, coma unha hora de substitución na que me pode tocar dar incluso matemáticas... e este venres tamén lles dei unha clase ós maiores (17-18 anos) eu só, xa que Damian tiña unha reunión e pediume que llela dera eu. Tendo en conta que estamos traballando para os exames orais con preguntas sobre Lorca e Bodas de sangre, aproveitei para pasarlles máis información sobre el, a súa vida, obra e "milagros". A fin de semana, moi tranquila; un par de películas na casa, (recomendo abertamente O extraño amor de Martha Ivers de Lewis Milestone e por suposto a revisión de Barrio, de Fernando León de Aranoa) unha cea con Mónica, Luke e Mercé (amiga andorrana de Miss Otero) en "Kimos" (restaurante de comida mediterránea onde a calidade e o picante compiten cos prezos) e o conseguinte paseo por Mathew Street e arredores para observar a fauna local (que, como sabedes, non ten desperdicio e temos evidencias fotográficas) e tomar un par de pintas, esta vez no "Revolutions".

Agarda unha semana moi tranquila, porque o venres xa non hai clase e a seguinte é half-term (semana de vacacións na metade de cada trimestre) e porque de momento non podo comezar a traballar para as axencias de emprego mentres non me cheguen uns papeis da policía de aquí. Id est, luns e martes aínda libres, para seguir lendo Los pilares de la tierra e ir pulindo e retocando esas cancións que se van cocendo a lume lento nestes días de inverno saxón. París espera a fin de semana que ven, con amigos e rúas para recorrer. Non entraremos coa "Brigada Guadalajara" para liberar a cidade, pero a intención é desembarcar a tempo o sábado á noite para chegar a un concerto de "ska" no local da CNT. ¿Non está mal, non?

14.12.05

Visitas

data real: 2 de febreiro de 2005

Estas últimas semanas houbo altibaixos no comportamento das feras, e ás veces os de 14 portáronse peor cós de 12 e, ás veces, os dous grupos deron a lata. De momento aínda estou aprendendo os nomes dos nenos e a súa correcta pronunciación, repasando con eles vocabulario básico de roupa, partes do corpo e tamén axeitándome á forma de dar clase neste país... Por non falar, claro, destas prácticas de español mesturado con
"scouse" aceleradas ás que estou sometido diariamente. Dende o venres pasado, xa son un máis no partido semanal de futbol-sala (five-aside) que xogan en Childwall profesores e alumnos, no que hai moi bo rollo entre todos, pouco xeito para tal deporte e unhas normas un tanto particulares. En realidade é coma xogar ó fútbol (na súa acepción inglesa máis pura) nun campo máis reducido, sen que exista fóra de banda ou de fondo (xogamos coas paredes, literalmente) e sen poder entrar na área para nada ("NOT IN THE AREA, ROBERTO!!!"). En fin, unhas maniotas terribles o sábado pasado e un par de goles este venres son o balance ata agora.
Esta fin de semana tivemos a primeira visita: Elena (ex-profe da facultade) e o seu mozo Alberto, que aterraron no
John Lennon Airport o venres pola tarde para marchar o domingo a mediodía, así que fixemos un recorrido pola cidade e arredores ó máis puro estilo Gomaespuma: á esquerda “The Cavern”, á dereita Strawberry Field, ó fondo a catedral metropolitana... en definitiva, "La Manga del Mar Menor en diapositivas" - absterse profanos na materia gomaespumosa. Pasámolo moi ben e tivemos unha fin de semana moi atarefada, cun tempo incrible o sábado e cun feixe de fotos, risas e chistes de filólogos. O sábado uníronsenos Mónica e Francesco e unha vez máis, fomos xantar ó "Yums": buffet libre de comida oriental. Ai, que larpeirada e que chea!. Mañá volvo a Childwall a comezar a cuarta semana alí, así que estou xuntando forzas. Polo demais, teño practicamente rematadas dúas cancións novas (unha sobre as musas e as primeiras sensacións en Liverpool e outra, unha crónica dedicada deste Nadal no Carballiño) e hai unha terceira moi avanzada, todo isto sen ter en conta un tema de aire beatle con música dun amigo de Lorenzo no que xa estiveramos traballando coa banda. O disco cos nosos últimos temas xa está rematado e espero que poidamos telo listo para a Semana Santa, a ver se así, nas procesións cambian un pouco o estilo de música. "Oh, la saeta, el cantar/ al cristo de los gitanos/ siempre con sangre en las manos/ siempre por desenclavar/ oh no eres tú mi cantar/ no puedo cantar ni quiero/ a ese Jesús del madero/ sino al que anduvo en la mar" (Antonio Machado)

Back to School Again

data real: 16 de xaneiro de 2005

Nesta cidade do norte onde eu vin traballar, as temperaturas acompañan este inverno de proxectos novos. Esta semana dei as miñas primeiras clases en
Childwall (ese é o nome da escola, tamén coñecida como un dos Bronx de Liverpool). A verdade é que a zona é un área residencial, pero os alumnos son na súa maioría dos arredores e veñen todos de familias con problemas, desintegradas, e cousas dese estilo que non favorecen precisamente o seu comportamento. Non é estraño topalos trapicheando con "material" no patio, que tufe a porro nos corredores da escola ou que deteñan a algún alumno por entrar a roubar no piso dalgún profesor... uffff!!!. Así as cousas, aínda tiven bastante sorte, porque os grupos que me tocaron de español son de 12 anos (demasiados porque teño 38 alumnos!!!!!!!!!! e son bastante incontrolables) e de 14 (estes son máis fáciles, porque son menos e ademais de Special Needs - necesidades especiais- e no fondo, lévase mellor). O resto das horas traballo de asistente e só teño que axudalos individualmente a preparar o exame oral de español (xa vedes, de paso practico eu... ja ja ja). Estes son moito máis riquiños, están interesados no que estudian (menos mal!) e supoñen todo un descanso entre tanto túzaro.

Non era sen hora

Hei de confesar que foron os blogs dos meus amigos e coñecidos mais algún escrito en particular os que me empurraron a crear o meu. De feito, hai xa ben tempo que teño un feixe de textos preparados e que penso casan mellor aquí ca no noso sitio web. Aproveito a banda ancha que a miña viciña sirio-francesa se ofreceu amablemente a compartir para me por ó día e comezar esta andaina entre a literatura e o díxome-díxome.
Tendo en conta que teño máis dun ano de retraso, pido desculpas pola posible desorde cronolóxica que van sufrir as entradas.

Here it comes!