Hai chamadas e silencios / en harmonía de contrarios / hai mansións desocupadas / non hai futuro pasado /

30.3.06

As casualidades non existen

Hai algo ben curioso nos habitantes destas illas. Dende logo que teñen un particular sentido do humor que xa é famoso por iso mesmo, pero cada día sorpréndeme máis a súa sanísima capacidade de autocrítica.
Seleccionei a película para me evadir un pouco do cine sesudo que descargo na mula e para mellorar o meu inglés. V for Vendetta (orixinalmente, banda deseñada) é unha excelente alegoría do fascismo e da manipulación do pobo por parte dos gobernos. Bebe de 1984 de George Orwell (de feito, traballa John Hurt –soberbio alter ego de Hitler- e creo que non por casualidade), dos heroes de “comic” (por suposto), do Zorro e de Matrix na estética e, sen ningunha dúbida, da serie V, os visitantes: Recordan vostedes a escena da V roxa con esprai por riba dos carteis dos invasores? Imaxinan un filme americano onde o heroe sexa un terrorista que se propón como último fin dinamitar o parlamento (poñamos, a Casa Branca) para comezar unha revolución? Pois iso, vaian vela e opinen.

Pd: Non deixen de desfrutar da versión orixinal os que saiban algo de inglés e aprecien a sutileza, retranca e sarcasmo no uso dos acentos e da linguaxe.
Unha última cousa. Delicioso diálogo aquel no que un alto cargo do partido visita ó inspector que dirixe o caso e lle di que non se fían del e que o van ter controlado porque…………. “your mother was Irish”. Escacho.

13.3.06

Miscelánea de conclusións

Araki garda un asombroso parecido físico co mestre Mutenroi, e por extensión, cun meu amigo. Apunta directo ó subconsciente máis agochado e remexe alí ó seu antollo. Tolo, extravagante, pornógrafo... artista. Moito gostei da súa exposición no Barbican.
-------------------
Neste país, onde non se reutiliza nada e se abusa insultantemente da enerxía, houbo un tempo en que se gardaba e se reciclaba “every single piece of anything” pero fixo falla para iso unha guerra mais a ameaza do fascismo. Hoxe, moitos non entenden que esta vez o planeta é a guerra e non haberá día D que o libere. Recomendo abertamente o Imperial War Museum.
--------------------
En febreiro vai tanto frío en Londres coma en París, só que desta vez, colleume con gorro e bufanda.
-------------------
@s negr@s son unha raza superior e, como ben di Fuegho: “Están feitos pro sexo”.
-------------------
Disque o 23F, certo novo líder de certo rancio partido, planeou fuxir a Portugal cun compañeiro de Ourense... ¿para que?
-------------------
Divx clásico e emule estanse a converter na miña relixión cultural, aínda que como ben di A.Gasset: “teñan a man sempre un bo libro. O único gran salvavidas para o que non quere rematar totalmente idiotizado”.
-------------------
Sabato di que a resistencia que salvará a nosa civilización está nos homes e mulleres que conseguen vivir o máis afastados posible deste sistema de consumismo e globalización idiotizadores. Creo que non é casualidade que, grazas ó emule, volvera á infancia da man daquela serie mítica, V, los visitantes. Dous apuntes ó fío disto. ¿Sabían vostedes que os lagartos invasores acusaban de terroristas ós da resistencia de Julie e Donovan? Con esa desconfianza cara ós visitantes dende o principio, ¿non terían estes algún galego entre os líderes?
-------------------
Estou absolutamente a favor dos McDonalds. Nas grandes cidades funcionan coma estupendos baños públicos. Ufffffff, que alivio.
-------------------
Un día de neve é coma unha borracheira. Todo está cambiado para ben mentres dura: máis fermoso, máis brillante, máis limpo e claro. Sen embargo, cando a neve se vai derretendo, todo queda aínda máis vello, máis suxo, máis gris, máis húmido, só que non che doe a cabeza.
-------------------
Supuxeron un sopro de aire fresco na miña oxidada selección musical. Divírtenme, obríganme a bailar, “sácanme a pasear o instinto animal” e fan unhas letras sinxelas pero intelixentes. Mágoa que o novo disco non continúe a liña ascendente do anterior. Moi pobre.
-------------------
Doulle paso a este coruñés-madrileño (ben... coma todos), sobre todo agora que se atreveu a que se lle entendan as letras. Recoñézoo, é bo, gústame.
-------------------
Sigo encontrando verdades na poesía e na música e por iso deixo outra cita que me recorda o desprezable personaxe de Daniel en V. Esta vez, é de Silvio: “Y digo que el que se presta / para peón del veneno / es doble tonto y no quiero / ser bailarín de su fiesta”.

7.3.06

Ruby Tuesday

Martes, mañá cedo. Vida de bohemio. Chamo á axencia pero non teñen nada para min hoxe, así que reviso o reproductor mp3 q quero mercar en e-bay, remato o repaso a Bodas de sangre e bótolle un ollo ós extras sobre Lorca e a obra. Almorzo na habitación coa prensa e a radio do país e aproveito para me por ó día no mail e no blog. Creo q hoxe adicarei o día á música e a gravar algo na casa.
Por certo, o xoves pasado caeu unha espléndida nevada, desas que alfombran o camiño e fan que estale cada un dos teus pasos.

1.3.06

Liberdade de expresión?

Cando coñecín as novas do rebumbio por causa das caricaturas de Mahoma, fiquei espantado e fíxenme cruces, eu, que son ateo militante. O que non sabía era que o peor estaba por vir, da man dos mesmos pero do outro lado e con máis violencia. Só comulgo coa canción de Def Con Dos: "No me apetece Cristo, no me interesa Alá, no me hace gracia Buhda, no hay más allá". Forza Bassi! Caricaturistas do mundo, UNÍDEVOS!